Onte foi un largo e interesante día,
marcado por Alejandro
Campo. Dende a primeira vez que tiven a oportunidade de coñecelo
cando veu como relator ao curso de función directiva que eu
organizaba; quedou no meu recordo como unha persoa reflexiva, e dun
gran coñecemento da educación.
Dese primeiro encontro alá por
novembro de 2008 quédame o recordo da súa conversa durante a comida
no Manuel Antonio, e a resposta que deu a unha pregunta de Miguel –
Por que a na educación pública non se fai todo o que se debe para
que funcione correctamente?. A súa resposta despois dunha pausa
reflexiva foi -Porque os seus dirixentes non creen na ensinanza
pública. Creo que esta frase segue sendo válida hoxe en día e
condensa unha realidade máis complexa. Unha realidade que na miña
opinión vai máis aló. Gran parte da sociedade non cree na
ensinanza pública, moitos profesores non creen na ensinanza publica.
Por si todo isto non fose grave de abondo, creo incluso que a
sociedade ou os políticos españois non creen nin sequera na
educación como motor do cambio do pais. So isto pode explicar a
desidia e o desinterese que se pon á hora de tomar decisión de
calado e de futuro co sistema educativo español.
Onte Alejandro Campo participou nunha
sesión formativa para coordinadores de formación en Pontevedra; e
pola noite tiven a ocasión e o pracer de compartir uns viños e
unha agradable charla na praza do Teucro. Falamos de todo, e non
podía perder a ocasión para falar de educación. Contoume a súa
experiencia en Finlandia e o que máis lle sorprendeu da súa
visita.
A autonomía dos rapaces, que van sós
ao colexio dende distancias de ata cinco quilómetros, dende o
primeiro día de escola aos sete anos, e coa climatoloxía que todos
imaxinamos. A súa autonomía no centro, onde son eles os que se
responsabilizan do seu aprendizaxe e non esperan a que entre o
profesor para empezar as tarefas que teñen para o día.
O segundo factor que lle sorprendeu foi
a seriedade con que o país afrontou a gran crise que tiveron nos
oitenta. Apostaron forte pola sociedade do coñecemento e primaron a
educación como factor de cambio. Para entrar na facultade de
pedagoxía non é suficiente con ter as mellores notas, senón que
seleccionan a un dez por cento dos candidatos, e para facelo fíxanse
no expediente, pero moito máis nas súas aptitudes. So forman aos
mellores e aos que ofrecen garantías de ser bos profesores. Non
están moito mellor pagados os profesores, pero si gozan de gran
autonomía e prestixio social. Claro que me sorprendeu que o director
dun colexio tiña dezaoito horas lectivas, e a parte de dirixir o
colexio, tamén decidía el as novas contratacións dos profesores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario